Friday 29 de March de 2024

Un total de 9 empresas presentan as súas ofertas para a construción de 40 vivendas de promoción pública no parque Ofimático da Coruña, cun investimento de 5,5 millóns de euros


O proxecto da Xunta, adecuado ao criterio municipal, contempla a execución destas vivendas de 2, 3 e 4 dormitorios, dúas adaptadas a persoas con mobilidade reducida e con rocho e praza de garaxe
Un total de 9 empresas presentaron as súas ofertas para a construción de 40 vivendas de promoción pública no parque Ofimático da Coruña, cun investimento de 5,5 millóns de euros.

A Xunta licitou recentemente este proxecto, adaptado ao criterio municipal, co fin de poder atender e facilitar o acceso a un fogar ás familias con menos recursos. Así, prevese a execución de vivendas de 2, 3 e 4 dormitorios, dúas delas adaptadas para persoas con mobilidade reducida e dotadas con rocho e praza de garaxe.

O prazo de execución das obras é de 24 meses e para cumprir o cronograma previsto e iniciar as obras este mesmo ano, cómpre a implicación do Concello e da súa axilidade na concesión da licenza de construción, que a día de hoxe aínda non foi outorgada.

Cómpre lembrar que a Xunta solicitou por primeira vez esa licenza municipal en decembro de 2016 e, tras nove meses de espera, o Concello denegouna 9 meses despois, o pasado mes de setembro sobre a base dunha interpretación lexislativa bastante restritiva. O Executivo autonómico considera que o municipio podía ter resolto doutro xeito, pero o obxectivo é sacar adiante o documento e a construción das vivendas sociais, polo que para non demorar máis os prazos, de inmediato se incorporaron todos os requirimentos técnicos trasladados polo Concello para volver presentar a solicitude de licenza o pasado 21 de febreiro.

O Parque Ofimático é un proxecto de enorme importancia para a Xunta, no que se prevé a execución de 1.100 vivendas sociais, públicas e protexidas. Neste sentido, é preciso avanzar tamén no desenvolvemento das obras de urbanización, ao que o Goberno galego xa ten destinado máis de 12 M€ e prevé destinar 13 millóns máis.